A Xunta Xeral de Confrarías e Irmandades designou ao xornalista Isidoro Valerio Prego como pregoeiro da Semana Santa de Ferrol 2026. O teatro Jofre será, ás 19.00h do día 6 de marzo, o escenario deste importante acto no preámbulo da Paixón ferrolá. Nel, ademais da lectura do pregón, entregarase a Medalla de Ouro da Xunta de Confrarías a José Manuel Evia Gende e a César Carreño Yáñez, a ambos os dous a título particular, e incluirase un capítulo musical, que nesta ocasión correrá a cargo do coro Concerto Tempo.
Isidoro Valerio está a piques de cumprir 40 anos como xornalista radiofónico. Comezou en 1986 na Cadea Ser (Radio Ferrol), logo pasou á emisora de Antena 3 na Coruña, onde primeiro nunha primeira etapa dirixiu un magazine local e pasou, a continuación, a poñer en marcha un informativo de ámbito autonómico. Desde 1994 traballa en Radio Voz, actualmente, no programa Voces de Ferrol. Como tantos ferroláns, Isidoro Valerio vestiuse de capuchón xa de neno, para desfilar coa Confraría da Soledad, e asistiu a infinidade de procesións, entre as que lembra particularmente as da Irmandade do Santo Enterro porque el vivía en fronte da concatedral de San Xiao. Estando Meca Arcos á fronte da Coordinadora de Confrarías confióuselle durante varios anos a presentación dos pregoeiros e pregoeiras da Semana Santa e tivo que ver tamén na iniciativa de Sargadelos, por aquela época, de producir cada ano un prato coas imaxes máis emblemáticas das nosas procesións.
O capítulo musical correrá nesta ocasión a cargo do coro Concerto Tempo, un dos proxectos vocais máis sólidos de Ferrolterra. Naceu en 2006, de maneira que o próximo ano celebrará vinte anos de vida, e conta cun amplo repertorio con pezas que van desde o Renacemento á música popular e de cinema. Recentemente gañou o premio do Certame Coral Galego. Está dirixido por José Antonio García Mato.


