A Confraría da Mercé convocou un concurso para elixir a imaxe que ilustrará o cartel da Semana Santa de Ferrol 2026, e con el tamén a portada da revista Ecce Homo e do procesionario. A pesar de que este sería o ano no que, seguindo a quenda das cinco confrarías, tocaríalle á irmandade da Soidade decidir o cartel, no seo da Xunta de Confrarías acordouse o cambio para facer coincidir o da Mercé co ano no que se celebra o centenario da súa sede canónica e da imaxe do Cristo Redentor, obra do imaxineiro galego José Rivas.
Pódense presentar fotografías, obras pictóricas ou calquera outra forma de expresión artística que sexa susceptible de ilustrar o cartel para a súa posterior impresión. As persoas interesadas en participar poderán presentar ata un máximo de cinco obras, entre o 1 e o 31 de outubro.
Publicamos a continuación as bases completas do concurso:
CONCURSO PARA A ELECCIÓN DO CARTEL ANUNCIADOR SEMANA SANTA 2026
A Confraría da Nosa Señora da Mercé e do Santísimo Cristo Redentor de Ferrol, convoca o concurso polo que se elixirá o CARTEL ANUNCIADOR SEMANA SANTA 2026. O concurso axustarase ás seguintes bases:
1ª TEMA:
As obras versarán sobre o Cristo Redentor da Confraría da Mercé en Semana Santa, podendo reflectir calquera aspecto: trono, imaxe, actos, insignias,….
2ª PARTICIPANTES:
Poderán participar todas as persoas que o desexen, profesionais ou afeccionados, de calquera nacionalidade e que superen os catorce anos de idade.
3 ª FORMATO DAS OBRAS:
O autor poderá presentar calquera tipo de obra que poida ser reproducible nun cartel.
Serán admitidas:
- obras pictóricas
- fotográficas, así como
- calquera outra expresión plástica que poida ser fielmente levada a un cartel para a súa impresión
Impresión: resolución mínima de 300 pp. a tamaño impresión 50×70 cm.
Aceptaranse obras de composición vertical ou horizontal.
Cada autor poderá presentar un máximo de cinco obras.
Non poderán presentarse obras cuxos dereitos de propiedade intelectual non pertenzan integramente e sen excepción ao propio participante no concurso. Será responsabilidade dos autores calquera reclamación que poida producirse en relación coa autoría dos traballos e o seu posible plaxio.
As obras deberán ser orixinais e inéditas, non sendo premiadas noutros certames ou concursos.
4ª MODO DE PRESENTACIÓN DAS OBRAS.
A presentación ao concurso variará segundo o tipo de obra:
Obras Pictóricas. Presentaranse en soporte físico cunhas medidas comprendidas entre un mínimo de 29,7×42 cm. e un máximo de 70×100 cm. Ademais, deberá acompañarse dun CD que conteña a obra en soporte dixital coa máxima calidade posible en formatos JPG ou TIFF.
Outras obras: Presentaranse en soporte físico (papel fotográfico, nunca montada sobre cartón pluma) cunhas medidas comprendidas entre un mínimo de 20×30 cm. e un máximo de 30×45 cm. Ademais, deberá acompañarse dun CD que conteña a obra en soporte dixital coa máxima calidade posible en formatos JPG ou TIFF. ·
Para todos os tipos de obras: Entregaranse coidadosamente envoltas e sen asinar, cun lema no reverso. En caso de presentación de máis dunha obra polo mesmo autor, estas nomearanse con varios lemas distintos. Virán acompañadas dun sobre pechado onde figurará unicamente o lema e no interior os datos persoais do autor (nome completo, fotocopia do D.N.I., número de teléfono, correo electrónico e dirección postal), así como nota explicativa da técnica empregada para a realización do traballo.
5 º PRAZOS DE PRESENTACIÓN
O prazo de presentación das obras comezará o 1 de outubro e finalizará o 31 de outubro, ambos inclusive.
Os traballos poderanse entregar no local da Confraría da Mercé os martes de 18.30 a 20.00h ou outro día solicitando cita previa por email á confraría (coframercedferrol@gmail.com).
6ª XURADO
Xunta de goberno da Confraría da Mercé e un asesor gráfico externo.
O resultado será inapelable, podéndose declarar deserto o premio se, a xuízo do xurado, a calidade dos traballos non alcanza o nivel mínimo esixible ou considera que non son os máis adecuados para o fin ao que se destina o premiado.
7ª PREMIO
A obra gañadora do concurso ilustrará o cartel, a revista e o procesionario da Semana Santa 2026 recibindo ademais o seu autor un diploma acreditativo.
8ª DEREITOS
As obras presentadas pasasen a ser propiedade da Confraría da Mercé, reservándose os dereitos de reprodución e utilización, pero sempre facendo mención do autor da obra
9ª DATOS PERSOAIS
En cumprimento da normativa estatal vixente en materia de protección de datos, os datos de carácter persoal que faciliten os concursantes integraranse nun ficheiro de datos informatizado e poderán ser utilizados para a difusión dos acordos e actividades propios desta institución. Os interesados poderán exercitar os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición dos seus datos persoais nos termos que a normativa aplicable establece. Se desexa exercer o seu dereito de acceso, rectificación e/o cancelación, deberá dirixirse por escrito, ben por correo postal ou e-mail, á secretaría desta a Confraría.
10ª DISPOSICIÓN ADICIONAL
A presentación de traballos ao concurso implica a aceptación das anteriores bases en todos os seus termos.