Junta General de
Cofradías y Hermandades

SEMANA SANTA DE FERROL

Presentación do cartel da Semana Santa de Ferrol, este venres no antigo hospicio

A Xunta de Confrarías e Irmandades presentará este venres pola tarde, no antigo hospicio, o cartel da Semana Santa de Ferrol, que neste 2025 estará protagonizado pola Irmandade do Santo Enterro. O acto celebrarase ás 19.00h e no mesmo, como é habitual cada ano, repartiranse exemplares ao público presente.

Cumpre así un ano máis a Xunta de Confrarías o seu compromiso de presentar na cidade o cartel da Semana Santa, o único evento de Interese Turístico Internacional de Ferrol, antes de viaxar con el á feira Fitur de Madrid.

A presentación deste venres poderá seguirse por streaming a través da canle de Youtube da Xunta Xeral de Confrarías -https://www.youtube.com/@semanasantadeferrol1616-, co que se inaugurarán as retransmisións en directo deste ano.

Cabe lembrar que a Semana Santa de 2025 desenvolverase do 14 ao 20 de abril. O próximo 21 de marzo celebrarase o Vía Crucis da Xunta de Confrarías, que estará presidido polo Nazareno da Confraría das Angustias, e o 28 de marzo será a presentación da revista Ecce Homo e o procesionario. O pregón, último acto importante no preámbulo da Paixón ferrolá, será o 5 de abril no teatro Jofre.