A Delegación de Ferrol do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) organiza un acto na igrexa de Dolores para este sábado 18 de abril, con motivo do Día Internacional dos Monumentos e Sitios, co obxectivo de evocar o encontro entre arquitectura e música. A cita será ás 20.00h.
A música correrá a cargo do coro de cámara AntiQvorum, que ofrecerá un recital didáctico ilustrando a evolución da arquitectura, percorrendo estilos e épocas, desde o románico á Ilustración.
A celebración unirá a pedra e a polifonía, destacando o valor do patrimonio eclesiástico non só como espazo de oración, senón tamén como contedor vivo de historia, arte e beleza.
Cabe lembrar que a rehabilitación da igrexa de Dolores correu a cargo do arquitecto José Romero e que nas edicións de 2022 e 2025 da revista Ecce Homo –que se pode descargar aquí– pódense consultar artigos seus sobre a primeira e a segunda fase desta intervención.
A entrada é gratuíta ata completar capacidade, pero requírese inscrición previa a través da seguinte ligazón: www.coag.es/charlas
