O Xoves e o Venres Santo son os días máis importantes da Semana Santa de Ferrol, nos que se celebran as procesións máis multitudinarias e emocionantes. O pasado 2025, e para algunhas irmandades tamén o anterior 2024, foron anos de frustración nestas xornadas, de xeito que as tres confrarías que saen á rúa mañá teñen unha enorme ilusión. A Mercé, as Angustias e Dolores protagonizarán as procesións programadas para as 18.00, as 19.30 e as 23.00h, respectivamente.
A primeira saída é a do Noso Pai Xesús da Humildade no Bico de Xudas, a máis “nova” do programa da Semana Santa ferrolá, posto que a Confraría da Mercé instituiuna en 2024, co paso de misterio que compoñen as imaxes de Xesús e Xudas talladas para a irmandade pola imaxineira gaditana Ana Rey. En 2024 a ameaza de choiva obrigou a acurtar o percorrido e en 2025 suspendeuse, de xeito que a confraría espera poder realizar este ano o itinerario completo, con mazá de silencio incluída. A saída está prevista para as 18.00h e irá acompañada pola banda Acotaga, en cuxo repertorio está a marcha “Humilitas Dei”, creada para Xesús da Humildade.
Ás 19.30h comezará en Esteiro a procesión da Pontificia, Real e Ilustre Confraría da Nosa Señora das Angustias, o desfile “titular” da irmandade, que se viu frustrado nos dous últimos anos. É o percorrido máis longo de cantos se realizan na Semana Santa ferrolá -suma uns 2,3km-, xa que vai primeiro polo barrio de Esteiro e penetra logo no da Magdalena. Saen nel as imaxes de Xesús Nazareno e o Cristo da Agonía, ambos de finais do século XVIII e obra de Florencio Gambino, o Cristo Xacente de Guillermo Feal, de 1957, e Nosa Señora das Angustias, obra anónima do século XVIII e a única virxe coroada canonicamente da Semana Santa de Ferrol. A Virxe sae nesta procesión co seu Fillo no colo. Trátase dunha imaxe de corpo enteiro, non de bastidor como adoitan ser as de vestir, e as súas articulacións permiten dispoñela de xeito diferente nesta procesión e na do Sábado Santo, cando vai soa. Cabe sinalar que os tronos da Confraría das Angustias son moi grandes e pesados, o que imposibilita que sexan portados aos ombreiros. Todos os deste desfile van sobre carros motorizados.
A procesión irá acompañada pola A.M. Nosa Señora do Nordés (OJE); a Banda de Cornetas e Tambores das Angustias; a Banda Municipal de Oza-Cesuras; unha Capela musical co Cristo Xacente e a Unidade de Música do Terzo Norte de Infantería de Marina, que acostuma interpretar “Angustias Coroada”, a peza que lle dedicou á imaxe o seu director Luis García Cortizas, no momento da súa saída do templo.
A Confraría de Dolores abrirá puntual as portas da súa corralón ás 23.00h, como sucedeu en 1945 cando se celebrou por primeira vez a procesión do Santísimo Cristo da Misericordia. A irmandade saca á rúa nesta noite a procesión máis numerosa de toda a Semana Santa de Ferrol: co maior número de tronos, cinco, e uns mil confrades, a práctica totalidade da irmandade. Por esta orde, saen do corralón os pasos da Oración en el Huerto, o de Jesús Cautivo -que estreará túnica de veludo cor berenxena, cíngulo e cordóns-, o Nazareno, o Cristo da Misericordia, o da Penitencia e a Virxe da Piedade. Esta última estreará este ano unha saya a xogo co seu manto, ambas as pezas bordadas no taller do sevillano Enrique Carrascal.
A procesión termina habitualmente pasadas as dúas e media da madrugada e son moitos os fieis que se congregan ás portas da igrexa de Dolores para asistir á retirada. A Banda de Nosa Señora do Nordés (OJE); Acotaga; a AM da Virxe da Amargura, a CCTT Noso Pai Xesús Nazareno; a banda da Brilat de Pontevedra e a Xove Banda de Narón configuran o programa musical desta comitiva.
OUTROS ACTOS
A Confraría de Dolores ten na tarde de cada Xoves Santo a cerimonia de entrega das súas Medallas de Oro. Este ano celebrarase no salón de recepcións do Concello de Ferrol, ás 19.15h, e as entidades recoñecidas serán a Cociña Económica, a fundación Abanca e a emisora Cope Ferrol.
Antes, ás 18.00 horas, a Unidade de Música da Brilat ofrecerá un pequeno concerto na praza de Amboage, noutro acto que é tamén xa tradicional do Xoves Santo en Ferrol.
Ademais, ao longo do Xoves Santo poderá visitarse na concatedral de San Xiao a Santa Urna co Santísimo Cristo do Santo Enterro.
Durante a mañá do Xoves Santo, de 10.00 a 13.00h, estará exposto ao culto na capela da Mercé o paso do Noso Pai Xesús da Humildade.
