A Irmandade do Santo Enterro presentará o seu novo Cristo do Desencravo o próximo día 27 de marzo, Venres de Dolores, ás 18.00h. A esa hora o bispo da Diocese acudirá á concatedral para bendicir a nova imaxe, que é unha réplica en canto ás súas dimensións do anterior, moi antigo e xa moi deteriorado para seguir utilizándoo.
A irmandade encargou inicialmente á empresa sevillana Art3D o escaneo da imaxe orixinal, para realizar unha réplica en madeira de cedro. Non se divulgou polo momento que artista imaxineiro foi o encargado, despois, de terminar de tallar e policromar a figura, que se estreará na Cerimonia do Desencravo este próximo Venres Santo.
A Irmandade do Santo Enterro recuperou en 2022 dita cerimonia, de orixe medieval e cuxa última noticia documentada databa de 1912. Na celebración desta función, tamén, a confraría de San Xiao é herdeira da antiga das Benditas Ánimas do Purgatorio. Orixinalmente, o antigo Cristo do Desencravo era introducido na urna para a procesión do Santo Enterro, aínda que a partir do ano 1892, cando chegaron o novo Cristo Yacente de Manuel Corgo e a urna de Urbano Anido, empregouse exclusivamente para representar o Descendimiento da Cruz.
