Junta General de
Cofradías y Hermandades

SEMANA SANTA DE FERROL

A Xunta de Confrarías presenta este venres o cartel da Semana Santa de Ferrol 2026

A Xunta Xeral de Confrarías e Irmandades presentará este venres, día 16 de xaneiro, o cartel da Semana Santa de Ferrol 2026. O acto celebrarase ás 19.00h no salón de recepcións do Palacio Municipal e no mesmo, como é habitual cada ano, poñerase ao dispor do público o cartel impreso.

O cartel promocional da Semana Santa de Ferrol está protagonizado polo Cristo Redentor da Confraría da Mercé, motivo elixido por cumprirse este ano o centenario da súa chegada a Ferrol en 1926. A irmandade convocou, para decidir a imaxe do cartel, un concurso a través do cal se seleccionou unha fotografía de Ignacio do Moral “Inaxete”, na que aparece a talla portada sobre a súa cruz, na procesión do Mércores Santo.

Ignacio do Moral é un fotógrafo habitual das procesións da Semana Santa de Ferrol e do resto de actos que organizan ao longo do resto do ano as confrarías da cidade, nos que toma tanto imaxes fixas como vídeos. Noutra ocasión anterior, no ano 2018, unha fotografía súa ilustrou o cartel da Paixón ferrolá, concretamente instantánea da Virxe das Angustias.

A irmá maior da Confraría da Mercé, Helena Villasuso, e o autor da fotografía intervirán na presentación, así como o presidente da Xunta de Confrarías, Fernando Iguacel; o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela; a delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, e está por confirmar a representación da Deputación. Tamén está prevista a participación do bispo diocesano, Fernando García Cadiñanos.