A Confraría de Dolores organiza para o próximo día 14 de xuño, sábado, unha peregrinación ao Santuario de San André de Teixido. Lembra a irmandade que a Diocese designou varios templos como xubilares, no marco da celebración do Ano Santo, para que os fieis poidan gañar a indulxencia plenaria. O templo cedeirense é un deles.
Dispoñerase un autobús que sairá ás 09.00h desde Correos, en Ferrol, e que levará ás persoas participantes ata o punto no que se iniciará a camiñada. A peregrinación comezará ás 10:00h desde “O Carballo” (AC-566) e discorrerá ao longo de 9kms nos que os máis pequenos tamén poderán participar. Calcúlase que a chegada a San Andrés sexa ás 13:30h, hora á que o grupo asistirá á Santa Misa.
A Confraría ten aberta a inscrición na peregrinación ata o 11 de xuño. Ten un custo de 5€, que inclúe o desprazamento en autobús, ida e volta, así como unha bolsa de picnic cun bocadilllo, auga e peza de froita. Os interesados poden apuntarse na Casa de Irmandade -aberta os martes de 18.30 a 20.00h- ou ben realizando a transferencia á conta da confraría. Pódese contactar e realizar calquera consulta respecto diso a través do correo electrónico ou o teléfono ou a través das redes sociais da irmandade.