Junta General de
Cofradías y Hermandades

SEMANA SANTA DE FERROL

Iguacel destaca en Fitur a “viaxe sensorial” que é a Semana Santa de Ferrol

O presidente da Xunta Xeral de Confrarías e Irmandades da Semana Santa, Fernando Iguacel Selle, participou esta tarde no acto promocional do Concello de Ferrol celebrado en Fitur, na caseta da Xunta de Galicia. Na súa intervención, destacou que a Paixón ferrolá, festa de Interese Turístico Internacional, “é unha auténtica viaxe sensorial” e unha “invitación aberta ao visitante”.

Co cartel deste ano proxectado na pantalla xigante do stand, Iguacel lembrou os máis de catro séculos de historia da Semana Santa de Ferrol e o traballo incansable das súas cinco confrarías para conservar e transmitir “un legado que forma parte da nosa identidade”.

“A Semana Santa de Ferrol é unha auténtica viaxe sensorial. É o son inconfundible das bandas de música que resoan entre os edificios modernistas. É o paso firme de centos de confrades que avanzan en silencio, iluminados pola luz cálida dos cirios. É a emoción dos espectadores que, ano tras ano, enchen as nosas rúas para vivir de preto un espectáculo que combina arte, historia e sentimento”.

Subliñou o presidente da Xunta de Confrarías non só as procesións, senón que quen vén a Ferrol pola Semana Santa teñen ocasión tamén de descubrir “a hospitalidade da nosa xente, a nosa gastronomía e unha contorna chea de beleza, desde as praias atlánticas ata as paisaxes verdes que rodean a ría”. Para terminar, convidou a todos a vir a Ferrol e coñecer esta celebración “que deixa pegada e representa o mellor da nosa cultura”.