A Xunta de Confrarías e Irmandades adoptou xa acordos en canto ás datas dos actos máis importantes no preámbulo da Semana Santa de Ferrol 2026. A presentación do cartel oficial da Semana Santa de Ferrol 2026 será a primeira cita, o 16 de xaneiro, venres, ás 19.00 horas no salón de actos do antigo hospicio. Coñeceremos así de primeira man en Ferrol a imaxe que pouco despois presentarase na feira internacional de turismo Fitur, en Madrid, entre o 21 e o 25 de xaneiro.
A lectura do pregón será tamén un venres, o 6 de marzo ás 19.00 horas, no teatro Jofre. As reservas deste emblemático espazo que a estas alturas estaban xa pechadas para diferentes actividades impide realizar este acto nunha data máis próxima á Semana Santa, como é habitual outros anos. O 13 de marzo, tamén venres, celebrarase na antiga capela do Torrente Ballester a presentación do procesionario e da nova edición da revista Ecce Homo. O acto será ás 19.00h.
Está pendente fixar a data do Vía Crucis da Xunta de Confrarías, outra cita habitual, que se acordará proximamente.