Achéganse as festividades de todos os santos e dos fieis defuntos, que oficialmente se conmemoran os días 1 e 2 de novembro, e as confrarías e irmandades penitenciales de Ferrol programan misas para orar polo eterno descanso dos seus irmáns, en particular polos que faleceron no último ano.
A Confraría de Dolores informa da celebración da eucaristía o día 1, ás 19.00h na súa sede canónica da praza de Amboage, en conmemoración da solemnidade de Todos os Santos, oficiada por Antonio Rodríguez Basanta. Ao día seguinte, o domingo 2 de novembro, terá lugar a Misa de Réquiem, tamén ás 19.00h. Neste caso, a celebración en memoria dos irmáns falecido está presidida polo sacerdote Diendonné Abayizera.
A Confraría da Soledad, pola súa banda, anuncia a súa Misa de Defuntos para o 2 de novembro, ás 18.00h. A eucaristía realizarase en recordo de todos os confrades e membros da fraternidade franciscana de Ferrol.
A Irmandade do Santo Enterro ten previsto celebrar, xunto coa Coral Polifónica de Ferrol, unha Misa de Réquiem o venres día 7 de novembro, ás 20.00h, na concatedral de San Julián.
Pola súa banda, a Confraría da Mercé anunciará a súa misa en memoria dos seus irmáns falecidos un pouco máis adiante, porque a súa previsión é celebrala o día 15 de novembro.
Por outra banda, desde a Diocese lémbrannos que se celebrará misa vespertina tanto o sábado 1, festividade de Todos os Santos, como o domingo 2, festividade dos Fieis Defuntos, no cemiterio de Catabois. Os dous días será ás 17.00h e a do domingo estará presidida polo bispo da Diocese, monseñor Fernando García Cadiñanos.
