Junta General de
Cofradías y Hermandades

SEMANA SANTA DE FERROL

Dolores suma este Martes Santo unha nova imaxe ao paso de Xesús atado á Columna

A Semana Santa de Ferrol celebra dúas procesións o Martes Santo: a do Cristo da Boa Morte, da Confraría da Soidade, e a de Xesús atado á Columna e a Santísima Virxe da Esperanza, da Confraría de Dolores. Esta última traerá a estrea dunha nova imaxe, a figura dun flaxelante tallado polo imaxineiro sevillano Fernando Murciano, que a irmandade expón desde o domingo na súa sede canónica xunto con outros elementos procesionais que se incorporan este ano.

A Confraría de Dolores dá un paso máis no proxecto plurianual do paso de misterio de Xesús atado á Columna. Fernando Murciano veu á cidade en 2024 para presentar a primeira das imaxes, a de Xesús, que saíu ese ano en solitario. En 2025 estreouse a imaxe de Caifás, o sumo sacerdote xudeu que o condenou, e este ano saíu do taller do sevillano a terceira figura, a dun flaxelante. Está previsto que a escena se complete o próximo ano cun soldado romano.

A procesión de Dolores comezará ás 21.00h, e alén do paso mencionado sairá a Virxe da Esperanza, unha das imaxes que máis devoción esperta en Ferrol. Trátase dunha imaxe de José María Hurtado, estreada en 2014, que levan aos ombreiros as mulleres portadoras do Terzo da Esperanza. No capítulo musical, este desfile conta coa A.M. Virxe da Amargura; Acotaga e a banda de CCTT Noso Pai Xesús Nazareno. Na retirada soará “Unha nai non se cansa de esperar”, un dos momentos tradicionalmente máis emotivos da Semana Santa ferrolá. É xa habitual que decenas de persoas acudan desde primeiras horas da tarde para “coller sitio” fronte ao corralón e asegurarse a primeira fila na saída e na retirada desta procesión.

Antes, ás 19.00h, a Confraría da Soidade celebrará a procesión do Cristo da Boa Morte, un desfile que ata hai poucos anos percorría o barrio de Ferrol Vello e que agora a irmandade leva polo da Magdalena. Sairá de novo a imaxe realizada polo artista Xesús Cepeda e estreada o pasado ano, unha vez máis portada sobre a súa cruz. E como xa sucedeu en 2025, sairá pola porta da capela da Orde Terceira, dado que a súa envergadura o permite. Nesta procesión irá tamén a Virxe do Perdón e da Misericordia, realizada en 2015 por Juan José Negrí. O desfile variou este ano o seu percorrido e irá polas rúas Real, Coruña, Magdalena, San Diego e regreso por Real. A música correrá a cargo de Nosa Señora do Nordés (OJE), a AM do Cristo da Boa Morte e a Banda da Nosa Señora da Misericordia (Viveiro).

OUTROS ACTOS

A Confraría da Mercé inaugurou en 2024 a apertura ao público da cerimonia na que os seus confrades soben a Nosa Señora dos Cativos ao trono, unha operación que se desenvolve no interior da capela do Tirso e que ata ese ano permanecera sempre dentro da intimidade da propia irmandade. De novo neste 2026, ao terminar a retirada da Virxe da Esperanza en Dolores, quen o desexe poderán achegarse ata a capela mercedaria e asistir a este acto, ao redor das doce da noite.