Junta General de
Cofradías y Hermandades

SEMANA SANTA DE FERROL

Medalla de Ouro da Xunta de Confrarías para César Carreño e José Manuel Evia

A Xunta Xeral de Confrarías e Irmandades acordou, en reunión celebrada o pasado día 14, conceder a súa Medalla de Ouro a César Carreño Yáñez e a José Manuel Evia Gende, en recoñecemento ao seu traballo e dedicación en favor da Semana Santa de Ferrol. Recibirán a máxima distinción da entidade durante o acto de lectura do pregón da próxima Semana Santa, que se celebrará o día 6 de marzo no teatro Jofre.

César Carreño Yáñez é o anterior presidente da Xunta de Confrarías, responsabilidade que ostentou entre 2014 e 2025, mentres que José Manuel Evia Gende foi Irmán Maior da Confraría da Soidade durante máis de trinta anos. A ambos os dous, a título particular, agradécelles así a actual Xunta de Confrarías, presidida por Fernando Iguacel Selle, a súa entrega e contribución indubidable, ao longo de tantos anos, ao desenvolvemento da Paixón ferrolá.

A Medalla de Ouro da Xunta de Confrarías é unha distinción que a entidade outorga, a título particular ou colectivo, no caso de institucións ou entidades, para recoñecer un destacado servizo á Semana Santa de Ferrol. Con anterioridade foi concedida ao vicealmirante Ignacio Frutos, a Alfredo Martín, ao Terzo Norte de Infantería de Mariña e á anterior Coordinadora de Confrarías, nas persoas de Mario Villaamil, Félix Sande e Meca Arcos, que a presidiron.

Por outra banda, a Xunta de Confrarías fixou recentemente as datas dos actos máis importantes no preámbulo da próxima Semana Santa de Ferrol 2026, que se celebrará entre o 29 de marzo e o 5 de abril. O 16 de xaneiro presentarase o cartel, nun acto que terá lugar ás 19.00h no salón de actos do antigo Hospicio; o 6 de marzo lerase o pregón, no Jofre ás 19.00h, e o 13 de marzo presentaranse o procesionario e a nova edición da revista Ecce Homo, ás 19.00h na capela do Torrente Ballester.