Junta General de
Cofradías y Hermandades

SEMANA SANTA DE FERROL

Ruth Pérez, Confraría da Mercé: “A ilusión, e sobre todo a devoción, non teñen xénero”

No pasado mes de maio conformábase a nova Xunta de Goberno da Confraría da Mercé Nesta nova etapa participa Ruth Pérez García, quen xa levaba máis dunha década vinculada á Semana Santa a través desta entidade. Agora deu un paso máis na súa dedicación á Mercé, converténdose na tesoureira da irmandade.

Como empezou a súa vinculación coa Mercé?

Eu entrei na confraría no ano 2009, procesionando no Terzo do Cristo Crucificado. E recentemente, cando se conformou a nova directiva, a Irmá Maior da Mercé propúxome para ocupar o cargo de tesoureira, e así implicarme máis na confraría. Neste posto vou encargar da xestión das contas e levar toda a parte económica. Eu nunca antes desenvolvera un traballo así, nin formara parte da directiva. Aínda estamos a revisar o anterior, vendo como se facía todo e habituándonos.

Teñen en marcha novos proxectos ou actividades?

Debido á situación sanitaria todo planifícase e organiza con moi pouca antelación, respecto a como era antes, onde moitos eventos levaban meses de traballo detrás. Agora temos que ir a poucos. Ideas hai moitas, pero nada se materializou aínda. A nova directiva aínda acaba de chegar, levamos moi pouquiño tempo e non houbo oportunidade para facer grandes cousas. Temos moita ilusión, pero a organización de eventos a día de hoxe leva ligadas moitas incógnitas. Por exemplo, por estas datas normalmente cada ano facíase unha cea de todos os confrades, pero agora mesmo é algo inviable. Non é posible realizar reunións de tantas persoas e garantir a seguridade.

Como afrontan este mes, no que se celebra o día da súa patroa?

Setembro é o mes da Mercé, e organizáronse algúns actos segundo permite a normativa covid. Como sempre haberá unha novena. Pero ademais, o día 12 celebrouse un Concerto Solidario, no que participaron Acotaga e Virxe do Carmen. As entradas esgotáronse e habilitamos unha fila cero para quen queira colaborar. Para a realización destes actos tentamos ser o máis rigorosos posibles co protocolo covid. Neste caso, o evento celebrouse no Campo de Deportes do Colexio Tirso de Molina, pero se chovese había a posibilidade de celebralo no pavillón do centro, onde hai ventilación suficiente.

O labor social está moi presente na súa irmandade, teñen algún proxecto en marcha?

A nosa Confraría caracterízase precisamente por iso, polo labor social e a solidariedade. É o noso obxectivo primordial axudar a quen máis o necesitan; agora estamos nunha situación na que hai moita xente pasándoo mal. Temos moitas ideas e proxectos, que iremos desenvolvendo segundo evolucione a situación sanitaria. Nós sempre tentamos axudar, poñer o noso granito de area en todo o que podamos.

Nesta ocasión, a directiva da confraría está integrada maioritariamente por mulleres, que supón isto?

É certo que nesta lexislatura na Xunta directiva somos maioría mulleres, de feito, só hai un home. Pero eu creo que a ilusión, e sobre todo a devoción, non teñen xénero. É simplemente unha curiosidade ou unha coincidencia que tivo lugar esta vez. Nós estamos moi contentas, por suposto. Eu vexo moi interesante que haxa diversidade; esta sempre é boa. Na Mercé temos moi boa relación entre todos. Somos xente de diferentes idades, formas de pensar tamén distintas… Con todo, esta variedade é moi positiva. É moi enriquecedor estar con persoas diversas, dá moitísima vida.

Cren que poderá haber Semana Santa o próximo ano?

Non se sabe o que vai pasar, pero eu cruzo os dedos porque volva haber procesións. Todo dependerá da evolución da pandemia; polo menos temos a experiencia do ano pasado, que aínda que non puido celebrarse como sempre, polo menos instaláronse carpas e espazos onde ver os tronos. Pero oxalá poida haber procesións o próximo ano.

Síguenos

Comparte