Junta General de
Cofradías y Hermandades

SEMANA SANTA DE FERROL

Ferrol abre o Domingo de Ramos, con tres procesións, a Semana Santa máis madrugadora en anos

Ferrol vivirá a partir deste domingo a Semana Santa máis madrugadora en case unha década -a última vez que caeu antes foi en 2016, cando se desenvolveu entre o 20 e o 27 de marzo-, co reto de sacar á rúa unha procesión máis e de volver facer honra á súa categoría de evento de Interese Turístico Internacional, distinción da que se cumpren precisamente dez anos. A Xunta de Confrarías e Irmandades da Semana Santa de Ferrol renova o seu esforzo por achegar as procesións ás persoas que non poden estar a pé de rúa, a través das retransmisións en streaming que se realizarán pola súa canle de Youtube, e por ofrecer información puntual, tanto por redes sociais como pola nova canle de Whatsapp.

Esta nova canle –https://whatsapp.com/channel/0029VaIa5w0HwXb8UUh2IA2g-, que substituíu ás anteriores listas de distribución, conta neste momento con máis de 800 seguidores. A Xunta de Confrarías ten, ademais, máis de 12.000 seguidores sumando os de Facebook, Instagram, X, Youtube e o perfil recentemente aberto en TikTok. Cada día anunciarase o horario das procesións a través das tres primeiras redes. No caso de que se decida suspender algunha, debido á meteoroloxía, notificarase tamén inmediatamente por redes e pola canle de Whatsapp.

Como cada ano, a Semana Santa de Ferrol comezará coa Procesión de Xesús Amigo dos Nenos que organiza a Confraría das Angustias. Ás 11.15h celebrarase a bendición de ramos e a continuación, ás 11.30h, comezará o desfile, que discorrerá como é habitual pola avenida de Esteiro, Carlos III, Ánimas, Españoleto, avenida de Esteiro, Ramón e Cajal e retirada na igrexa de Nosa Señora do Pilar. É unha procesión particularmente dirixida aos nenos, na que os confrades van coas súas palmas e sen capuz. Habitualmente fai parada na capela do campus universitario, onde o párroco bendí os ramos dos fieis que alí agardan do mesmo xeito que ocorre na igrexa do Pilar ao terminar o percorrido.

O acompañamento musical desta procesión, na que vai o único trono da Entrada Triunfal –con Jesús a lombos dun borrico e dous nenos aos seus pés- correrá a cargo da agrupación Nosa Señora do Nordés (OJE Ferrol) e a Banda Nosa Señora das Angustias. Cando a comitiva de Esteiro estea a dar os seus primeiros pasos estarase a celebrar na praza de Amboage a bendición de ramos que precede á Procesión da Entrada Triunfal de Xesús en Xerusalén, a popular “Borriquita” que organiza a Confraría de Dolores e que comezará ás 11.45h. É habitual que a praza estea chea de xente e moitos nenos, nun acto que se converteu nun dos máis emblemáticos e alegres da Semana Santa de Ferrol. O paso da Borriquita e o de San Xoán Evanxelista protagonizan este desfile, un dos que modifican o seu percorrido con respecto ao publicado no procesionario impreso en papel. Así, e para evitar unha zona valada por obras na rúa Dolores, a procesión irá polas rúas Méndez Núñez, Real, Sánchez Barcáiztegui, Magdalena, Rubalcava e regreso por Real. O itinerario está actualizado tanto na web da Semana Santa de Ferrol –semanasantaferrol.com- como nos mapas en liña aos que se accede a través do código QR incluído nos procesionarios impresos.

As agrupacións musicais do Santísimo Cristo da Boa Morte, Amargura e Noso Pai Xesús Nazareno (que cambiou recentemente de nome, antes coñecida como Banda Ferrol) acompañarán este desfile.

Pola tarde sairá a Procesión do Ecce Homo, ás 19.00 horas da capela da Orde Terceira, onde ten a súa sede canónica a Confraría da Soidade. O desfile mantén viva a tradición franciscana de lembrar na tarde do Domingo de Ramos a lectura do Evanxeo que ese día se fai nas igrexas. A Orde Terceira Franciscana de Ferrol iniciou en 1743 este desfile, que desde 1790 pasou a realizarse coa imaxe do Ecce Homo de Florencio Gambino, a que segue saíndo na actualidade.

Repite por segundo ano consecutivo nesta procesión a Banda Nosa Señora da Misericordia, de Viveiro, que tamén tocou no acto de lectura do pregón da Semana Santa de Ferrol o pasado 16 de marzo. Tamén participarán a Banda de Cornetas e Tambores Noso Pai Xesús Nazareno (a anteriormente chamada Banda Ferrol) e a Agrupación do Santísimo Cristo da Boa Morte.

Link streamings: www.youtube.com/@semanasantadeferrol1616

Información procesiones: https://semanasantaferrol.com/procesions/

Síguenos

Comparte