Alejandra Varela Tizón (Ferrol, 1977) é a autora da imaxe que protagonizará o cartel da Semana Santa de Ferrol 2023. Afeccionada á fotografía, diplomada en Relacións Laborais, nai e fiel seguidora das procesións da súa cidade, por fe e por tradición, declárase emocionada e agradecida porque a súa instantánea fose a elixida. “Para min é un agasallo do ceo”, di.
—Cando comezou a túa relación coa Semana Santa?
—Desde sempre. Ía de nena cos meus pais ás procesións e anos despois xa co meu grupo de amigos, non nos perdiamos unha. Estudei en Cristo Rey, alí coñecín a Meca Arcos, a gran impulsora do que é hoxe a Semana Santa, e tamén ao meu marido, que casualmente, fixémonos noivos un Domingo de Ramos.
—Cóntasnos un pouco a túa traxectoria?
—Estudei Relacións Laborais e despois estiven a traballar, primeiro nese ámbito e anos despois no sector seguros. Aos catro anos de ter ao meu fillo pasei por un cancro de mama, e en fin, iso modifícao todo, cambiando prioridades tanto a nivel persoal, familiar e laboral.
—E a túa relación coa fotografía?
—É unha afección que me vén de lonxe, pola miña familia materna. A miña nai é moi afeccionada á fotografía, e é algo co que vivín desde nena, pero xa a miña avoa, e mesmo a miña bisavoa érano, dentro das posibilidades da época na que viviron.
—Entón es unha seguidora incondicional…
—Si, para nós, a nosa Semana Santa é sacra, nunca viaxamos nesas datas, salvo este ano que nos escapamos tres días para cumprir unha promesa coa Virxe de Fátima. Pero para min as procesións son innegociables, mesmo se veñen amigos a Ferrol a visitarnos nesa época, sempre lles advertimos do plan. É certo que nunca fun confrade, aínda que é algo que sempre me atraeu, e aí téñoo en mente, como algo pendente… pero… é que me apaixona tanto velas!
—Como che animaches a participar no concurso?
—Un amigo animoume a presentarme, e aínda que ao principio non o tiña claro, porque eu son só unha afeccionada, ao final decidinme. Grazas a el estou a vivir isto.
—A imaxe rompe un pouco cos carteis doutros anos, porque capta un detalle, o toque de campá do mordomo. E á súa vez está chea doutros detalles…
—Si, esta imaxe gustoume para presentala precisamente por iso, porque representa un detalle, ese momento no que o mordomo vai dar o toque a esa preciosa campá do trono do Cristo Redentor, para dar as indicacións ás súas portadores. Ese son, que cando o escoitamos sabemos que con el achégase unha imaxe, ou van levantar un trono, ou o van a bailar… Na imaxe vemos a man do mordomo coa súa pulseira da Mercé, e no seu martelo gravados o seu nome e o escudo da Confraría. E esa campá, tan bonita, que reproduce a fachada da capela da Mercé.
O lema co que presentei a fotografía é “Unidos polo mesmo amor e a mesma chamada”, e non só se refire a esa unión dos portadores e resto de confrades, senón a todos, aos que dunha maneira ou outra, sentimos esa chamada do noso Cristo Redentor.
—Cando a tomaches?
—A foto é da Procesión do Crucificado do Venres Santo, deste ano 2022, momentos despois da súa saída da capela, ao seu paso pola praza de Amboage.
—Que significa para ti achegar a túa fotografía ao cartel da Semana Santa?
—Pois para min isto é, sen dúbida, un agasallo do ceo. Sempre fun crente, pero é verdade que por mor da enfermidade tiven un envorco, así que para o meu isto significa a unión de moitas das miñas paixóns: a miña fe, o meu amor pola nosa Semana Santa, o meu amor por Ferrol, o que significa para min persoalmente, e o orgullo e agasallo de pasar a formar parte da historia da Semana Santa ferrolá, unha das Semanas Santas máis importantes de España. É un soño. Non teño palabras para describir o que sinto e o moito que significa. Infinitamente agradecida.
—Como seguidora da Semana Santa de Ferrol, como ves a súa evolución?
—Pois eu creo que nestes momentos temos a mellor Semana Santa do norte do noso país. Estou convencida. Temos unha organización e participación excelentes. Recordo que de nena, houbo anos nos que case non había portadores para os tronos, e agora, non é así. A nosa Semana Santa, se Deus quere, ten moito futuro.
—Para ti, cal é o momento máis especial da Semana Santa de Ferrol?
—Hai moitos, a saída da nosa Señora dos Cativos da súa preciosa capela, a retirada da Virxe da Esperanza con “unha nai non se cansa de esperar”, ou a retirada do Cristo Rey cantándolle o himno do que foi o meu colexio, a Brilat acompañando ao Cristo da Misericordia, ou a alegría das gaitas na última procesión da semana, a do Domingo de Resurrección.