Junta General de
Cofradías y Hermandades

SEMANA SANTA DE FERROL

A Semana Santa de Ferrol reivindica en Fitur o seu carácter galego ao tempo que o seu eclecticismo

O presidente da Xunta de Confrarías e Irmandades, César Carreño, tomou a palabra esta tarde no acto de promoción organizado polo Concello de Ferrol en Fitur, para reivindicar a longa historia da Semana Santa de Ferrol, que desde o ano 2014 está declarada de Interese Turístico Internacional, e para proclamar os elementos que a fan única e que lle confiren un gran futuro.

Lembrou que a primeira referencia documental ás procesións penitenciais na cidade data de 1616, pero que con seguridade tiveron a súa orixe en torno ao ano 1350, a data da chegada dos franciscanos á zona. Carreño citou as cinco confrarías de Ferrol e aludiu ás 25 procesións que organizan entre o Domingo de Ramos e o de Resurrección, nas que se pode comprobar o carácter ecléctico da nosa Paixón. “É unha Semana Santa moi galega e con fortes influencias de Málaga, de Cartaxena, de Castela…”, sinalou o presidente da Xunta de Confrarías.

Xunto coa singularidade que representa esta amálgama de influencias única na Semana Santa de Ferrol, César Carreño falou do colorido das procesións, nas que cada terzo viste hábitos de diferentes cores, e a orde, “como corresponde a unha cidade ilustrada”, co público colocado a ambos os dous lados das rectilíneas rúas, flanqueando as filas de capuchóns. Para terminar, Carreño destacou o enorme respaldo da mocidade a esta tradición ferrolá, unha circunstancia que garante o seu futuro.

Tras a intervención de César Carreño proxectouse na caseta de Turgalicia o novo vídeo promocional da Semana Santa de Ferrol, realizado con imaxes das procesións do ano pasado e despois de dous anos sen estrea audiovisual debido á pandemia. Nel preséntase a Paixón ferrolá a través dos termos tradición, espiritualidade, mocidade, multitudinaria, esforzo, participativa e compromiso asociados ás imaxes máis impactantes dos seus tronos avanzando polas rúas da cidade e levantados polos portadores.