Máis dun centenar de persoas acudiron na mañá de hoxe á presentación da revista Ecce Homo e do procesionario da Semana Santa de Ferrol 2023 (que se desenvolverá do 2 ao 9 de abril), un acto que marca simbolicamente o inicio da conta atrás cara a un novo Domingo de Ramos. O presidente da entidade subliñou o desexo de “que se cumpra todo” o procesionario, en alusión ao condicionante sempre presente da choiva, e salientou a intención da revista de ser “un vehículo para coñecer mellor a historia da nosa Paixón, testemuño do seu sólido presente e estímulo para o seu prometedor futuro”.
Na súa intervención, o presidente da Xunta de Confrarías e Irmandades, César Carreño, agradeceu o apoio da Deputación da Coruña para a impresión destes materiais promocionais, así como todas as colaboracións desta nova edición de Ecce Homo. Expresou tamén Carreño o respaldo da Xunta de Confradías ás rondallas e á Festa das Pepitas no seu empeño por ser declarada de Interese Turístico Nacional.
José Ramón Cancelo Vigo, irmán maior da Confraría das Angustias, escribe na revista sobre a coroación canónica das Angustias abundando na devoción que esperta esta imaxe; o investigador Fernando Dopico aborda as antigas capelas da Mercé en Ferrol; Mariña Loureiro asina un artigo sobre o Cristo da Boa Morte e o seu vínculo co barrio de Ferrol Vello; o director da Unidade de Música do Terzo Norte, Luís García Cortizas, fai un percorrido pola achega da música militar ao mundo confrade da nosa cidade; Lucía Brage lembra os actos litúrxicos e as procesións que se organizaron en 1855 en Ferrol para agradecer o fin do cólera; o arquitecto municipal Felipe Cotovad debuxa noutro artigo os elementos máis importantes do barrio portuario na época medieval; Pepe Perales viaxa á orixe do Camiño Inglés e á pegada franciscana no seu trazado e Titi Perales fala, noutra colaboración, sobre o valor da Semana Santa como patrimonio inmaterial.
Ante a imposibilidade de dar a palabra a todos os autores que asinan contidos na revista, a Xunta de Confrarías convidou este ano a Fernando Dopico a resumir a súa achega. Tomou a palabra o investigador para falar sobre as primitivas capelas particulares da Santísima Trindade, que estivo na antiga igrexa parroquial de San Julián, e a da Mercé que co mesmo patronazgo, o da familia dos Mandiá, existiu no desaparecido pazo de Ferrol Vello.
O condutor do acto e vicepresidente da Xunta de Confrarías, Fernando Iguacel, deu a palabra a continuación a Ana Fernández, da galería Sargadelos de Ferrol, que presentou brevemente unha nova peza creada por esta cerámica e dedicada á Semana Santa da nosa cidade. Despois do capuchón que se presentou hai uns anos, neste caso trátase dun vaso co debuxo dunha figura similar pintada a man e coa tradicional cor azul desta cerámica.
Interveu despois Martina Aneiros, delegada territorial da Xunta en Ferrol, quen destacou o “traballo colectivo” que hai detrás da Semana Santa de Ferrol, “o noso evento por antonomasia”. A responsable destacou o impacto económico da Paixón ferrolá e avogou unha vez máis pola colaboración entre administracións para impulsala e fortalecela, á vez que expresou o compromiso da Xunta de Galicia con Ferrol e coa súa Semana Santa.
Por último, o concelleiro de Seguridade e Tráfico Germán Costoya tomou a palabra, en representación do Concello, para destacar que “sodes un exemplo do que son capaces os veciños e veciñas de Ferrol cando queren sacar algo adiante”. O edil indicou que, posto que a Semana Santa de Ferrol xa está considerada de Interese Turístico Internacional desde o ano 2014, na súa opinión o próximo reto ha de ser conseguir “ser declarada de interese inmemorial”.
Cun saúdo especial ao escritor Ramón Loureiro, que o próximo día 25 lerá o pregón da Semana Santa no Jofre, así como a Meca Arcos, Félix Sande e a familia de Mario Villaamil, que tamén estiveron presentes no acto de hoxe e que o próximo día 25 recibirán a Medalla de Ouro da Xunta de Confrarías en recoñecemento ao seu traballo á fronte da anterior Coordinadora, da que se cumpren 30 anos, terminou o acto.
Todos os presentes recibiron un exemplar de Ecce Homo e un procesionario. Publicáronse, na Imprenta da Deputación da Coruña, 5.000 exemplares da revista e 17.000 procesionario, que a partir do luns comezarán a repartirse de balde a través das oficinas de turismo, hoteis, Concello e establecementos colaboradores da Semana Santa de Ferrol.
O acto foi retransmitido en directo a través da canle de Youtube da Xunta de Confrarías, onde permanece colgado: https://www.youtube.com/@juntadecofradiassemanasant452